A pasada semana chegounos a nosa asociación (APLA) a seguinte carta:
Ás asociacións apícolas galegas:
O pasado día 25 de marzo de 2010 asistín en representación da Consellería do Medio Rural á Jornada de Sanidad Apícola que se desenvolveu no Centro Agrario Regional de Marchamalo (Guadalajara). O obxectivo desta xornada foi o de expoñer os resultados do proxecto de investigación RTA 2005-00152, sobre os factores epidemiolóxicos do debilitamento e mortalidade das colmeas nas principais zonas de produción apícola española e, ao mesmo tempo, presentar o proxecto “Monitorización de enfermidades apícolas para a detección de alertas e riscos sanitarios” (RTA 2008-C02-02).
Unha vez establecida a poboación representativa mediante selección aleatoria, o que trataba este proxecto era estudiar diferentes patóxenos a partires de 4 mostras de 1171 colmeas, acompañado da correspondente folla de toma de mostras e e enquisa epidemiolóxica. As asociacións galegas colaboraron aportando mostras de abellas adultas, cría, mel e polo nos periodos de mostrexo da primavera e outono dos anos 2006 e 2007 (4 períodos).
No transcurso da xornada entregáronse os resultados aos participantes no proxecto; ao non identificarse ningún representante de Galicia, solicitei os resultados das mostraxes procedentes desta Comunidade para remitírvolo, pero denegáronmo argumentando que estes, por cortesía e por procedemento, se lle entregaban aos participantes, polo que entendo que se porán en contacto con vós para facérvolos chegar.
Do alí exposto, obtéñense as seguintes conclusións, a nivel estatal: 1. Nosema ceranae constitúe unha amenaza, considerase unha enfermidade emerxente, en canto que se descubre por primeira vez e destaca pola súa gravidade e capacidade de difusión. 2. Varroa destructor segue tendo unha alta prevalencia, non se aplican correctamente os tratamentos autorizados, e se recurre con moita frecuencia a tratamentos non autorizados, provocando con elo unha resistencia aos fármacos e á presenza de residuos nas produccións (mel e pole). 3. Acarapis woodi presentouse cunha prevalencia moi superior ao esperado; non se considera enfermidade emerxente, pero si que debe ser obxecto de vixilancia. 4. Os patóxenos da cría (virus, loques, ascosphera) teñen unha baixa prevalencia. 5. Os residuos de pesticidas non son un problema xeneralizado. Está demostrado que os pesticidas usados na industria agraria e forestal, a maioría insecticidas, provocan mortalidade das abellas alí onde se aplican e exercen a súa acción, pero isto non é extrapolable a un fenómeno de colapso da colmea que xustifique o despoboamento a nivel global. 6. Reflexión sobre o síndrome de colapso da colmea/despoboamento. Ante a falta de datos oficiais sobre o despoboamento, cabe en primeiro lugar plantexarse o fenómeno (ver mais adiante o “proxecto coloss”) 7. Non hai estudios sobre a repercusión que poden ter residuos de tóxicos na cera reciclada.
Unha das cuestións plantexadas nesta reunión foi o da realidade do fenómeno do despoboamento e a súa documentación. Infórmase da existencia dun grupo de expertos e colaboradores a nivel mundial, o grupo “coloss” (www.coloss.org) que pretende monitorizar o fenómeno do despoboamento a nivel global. O maior problema que existe de cara a establecer pautas de análise é a ausencia de datos fiables en canto á perda de colmeas. Cada país fai un censo tendo en conta criterios distintos, e en todo o planeta os censos oficiais de colmeas parecen aumentar en vez de diminuír, co cal ao final o despoboamento basease en casos puntuais e individuais, carecendo de todo rigor e uniformidade en canto a resultados. Tampouco hai datos de mortalidade de abellas no pasado, co cal a mortalidade actual, sexa cal sexa, non se pode comparar para ver si é un fenómeno novo e emerxente ou ben xa se deu no pasado. Esta enquisa trata de averiguar, mediante un modelo uniforme en todo o mundo, a mortalidade das colmeas.
Unha vez presentadas as conclusións do proxecto desenvolvido nos anos 2006 e 2007, presentouse o novo proxecto para executar na primavera de 2010 e 2011 “Monitorización de enfermidades apícolas para a detección de alertas e riscos sanitarios” (RTA 2008-C02-02), e solicítase colaboración do mesmo xeito que para o proxecto anterior. Neste punto, xa que non asistiu ningún representante das asociacións galegas, comprometinme en facer de intermediario para facervos chegar este proxecto por si fora do voso interese participar e que, en resumo, consiste no seguinte:
1º Establecer un sistema de vixilancia pasiva e activa
- Pasiva: mostras tomadas de xeito espontáneo polos apicultores e remitidas ao laboratorio do Centro Agrario de Marchamalo, nas que se presentará especial atención a patóxenos exóticos (aethinosis e tropilapsose) e loque americana, poñendo a punto técnicas rápidas de multidiagnóstico
- Activa: mostrexos sistemático
a) de axentes patóxenos en abellas, cría, e estructura da colmea
b) agrotóxicos e quimioterápicos en pole e cera: posta a punto de métodos de diagnóstico, con especial atención a unha acción experimental de residuos de fumagilina e a persistencia de degradación de residuos en cera e pole
2º Análise epidemiolóxica de datos:
· Variación de prevalencias de enfermidades habituais
· Exóticos
· Contaminación de pole e cera
· Interacción de factores entre sí
En canto á nosa participación na mostraxe activa, na práctica consistiría en aportar mostras procedentes dos colmeares galegos, e efectuarase só en primavera dos anos 2010 e 2011. A Galicia asignóuselle un tamaño de mostra de 52 explotacións, 1 asentamento por explotación.
En cada mostraxe (asentamento) deberán tomarse mostras de abellas adultas, cría e restos do fondo da colmena de 6 colmenas, e unha mostra de pole e mel de 1 desas colmeas. As mostras procesaranse de forma conxunta.
Para estes mostraxes subministrarase por parte do Centro Agrario de Marchamalo todo o material necesario:
· 6 caixas para recollida de adultas
· 6 caixas para recollida de cría
· 1 bote para recollida de restos de fondo de 6 colmenas
· 1 bote para recollida de pole de reserva de 1 colmena
· 1 bote para recollida de mel de 1 colmena
· un formulario de enquisa epidemiolóxica
· unha bolsa de plástico para embalaxe.
Remítovos unha circular sobre o proxecto no que se informa de xeito máis detallado do mesmo.
Así mesmo, remito tamén a enquisa do grupo coloss; esta enquise é universal, a mesma para todos os países, estructurada de tal xeito que mediante as preguntas aquí feitas se deduza en todos os casos de forma homoxénea a mortalidade real de colmeas nun período determinado de tempo. A idea é que se reparta en todos aqueles actos (visitas a explotacións, congresos, reunións, charlas,etc.) nos que estean presentes os apicultores, cantas máis enquisas máis fiables serán os resultados. Unha vez cubertas, débense remitir tamén a Marchamalo, quen centralizará a súa xestión.
O material para a mostraxe será recibido na Consellería do Medio Rural nos vindeiros días, polo que preciso saber da vosa dispoñibilidade para participar neste proxecto e facervolo chegar, así como, de ser o caso, con cantas mostras poderiades comprometervos a colaborar.
Esperando me respostedes o máis axiña posible, quedo á vosa disposición para calquera aclaración ao respecto.
Julio Cañás Lara Técnico de Unidade Veterinaria Servizo de Sanidade Animal - Subdirección Xeral de Gandería Dirección Xeral de Producción Agropecuaria Xunta de Galicia Edif. Admvo. San Caetano 15781 Santiago de Compostela - A Coruña Tlfno: 981544715 - Fax: 981545735
Por este motivo o veterinario da APLA empezará a toma de mostras cando o tempo o permita.





